Select Page

Dirixente da Federación de Veciños Castelao, collerá en abril o relevo da presidencia da Confederación Galega de Asociacións Veciñais. O acceso á vivenda, o turismo ou as comisións bancarias son os primeiros temas que porá sobre a mesa para abordar xunto ás institucións.

El dirigente de la Federación Castelao, Juan Manuel Loureiro, presidirá Cogave desde abril. GONZALO GARCÍA


María Varela

10/feb/25 – 12:50h. Actualizado: 10/feb/25 – 20:08h.

A Federación Castelao será a encargada de dirixir a Confederación Galega de Asociacións Veciñais (Cogave) cando remate o mandato do actual equipo dirixido por Fernando Rois da federación veciñal de Lugo.  

«Decidimos que a presidencia de Cogave debía ser rotatoria. Na última asamblea acordamos que sería a Federación Castelao a que levara a presidencia e máis a xunta directiva. E o pasado venres a federación decidiu que sexa eu quen presida a Cogave. Isto faise cada dous anos, pero poden ser máis, de feito Lugo leva catro», explica Juan Manuel Loureiro. «Nese tempo imos ter que tomar decisións, hai que aprobar un reglamento interno, temos que actualizar estatutos… Esa é a parte máis fea do movemento veciñal. Logo está a outra parte, a do activismo. É certo que nestes anos houbo moito movemento interno por temas políticos. En Pontevedra cada un ten a súa ideoloxía, pero non levamos a política á asociación», subliña o dirixente de Castelao.

Non é a primeira vez que a Federación Castelao preside a Cogave. Que vai supoñer agora?
Xa estivemos presidindo Cogave no 2016. Daquela tiñamos a Verísimo Pazos, que era un histórico do movemento veciñal de Pontevedra. Que vai supoñer agora? Un movemento veciñal diferente. Nós cremos que no movemento veciñal non temos que ser especialmente corteses cos políticos. A nosa relación coa Xunta de Galicia é positiva, incluso de cooperación. E o mesmo ocorre co Concello de Pontevedra e cos concellos das outras federacións. Danos igual que sexa unha administración autonómica, estatal, municipal… e dannos igual as cores políticas. Queremos fortalecer o vínculo das administracións co movemento veciñal porque hai moitos problemas na sociedade que temos que resolver coas administracións. Temos que establecer canles de diálogo ata onde se poida. Iso non significa que en ocasións non nos vaiamos encontrar porque reivindiquemos as nosas causas. 

Cales son os primeiros problemas que porán sobre a mesa?
Hai un problema moi importante para a xuventude e para as familias que é a vivenda. Temos que ser capaces, entre administracións e movemento veciñal, de buscar alternativas para que a xente nova e as familias teñan unha solución canto antes. Todos estamos máis ou menos dacordo coas políticas de vivendas sociais, pero estamos poñendo os primeiros ladrillos e ata dentro de seis anos non serán unha realidade. Que facemos mentres? Eu penso que se nos unimos todos seremos capaces de chegar a mellorar as cousas. 

Relacionado con isto está a cuestión das vivendas turísticas que nalgunhas cidades xa supón un verdadeiro problema..
Independentemente de Cogave, nós xa falamos deste tema no movemento veciñal. Hai que buscar alternativas. Entendemos que falando coas administracións, con todas, con ánimo de chegar a un entendemento, temos que chegar a solucións. Se buscamos solucións para as vivendas turísticas poderemos atopar tamén solucións aos alugueiros. A propiedade xa é outra cousa. E ollo,  que nós non falamos de quitarlle a vivenda a ninguén, estean ocupadas ou baleiras. Outro problema que nos parece fundamental é o da ‘okupación’, que está xerando moita alarma social.  Despois temos que reivindicar que se volva a unha sociedade máis humanizada, máis cercana. 

Como se consegue? 
Pois facendo barrios, facendo veciños. Nós sabemos que o movemento veciñal ás veces é molesto, que nin a unha cor política nin á outra lles gusta ternos enfronte, pero para iso estamos, e mentres reivindiques as túas cousas con respecto coido que nos podemos entender todos. 

«Todos estamos máis ou menos dacordo coas políticas de vivendas sociais, pero estamos poñendo os primeiros ladrillos e ata dentro de seis anos non serán unha realidade. Que facemos mentres?«

Tamén teñen a súa cruzada cos bancos.
Si. É fundamental. En Portugal non é necesario ter unha conta bancaria para cobrar. Aquí é obrigatorio. Pois se é obrigatorio o que non poden facer as entidades bancarias é cobrar as comisións de mantemento. As máis das persoas en risco de exclusión teñen débedas, polo que cando reciben a axuda quedan ao momento sen cartos e non son capaces de saír dese buraco. Tiña que haber un sistema polo que a xente que está en risco de exclusión non quede sen eses cartos de axuda e non teñan que pagar comisións. Esa é unha fronte que teremos a nivel galego ou estatal, porque tamén formamos parte da Confederación Española de Asociaciones Vecinales (CEA). Hai entidades bancarias que cada tres meses cobran 40 euros en comisións de mantemento pola conta bancaria, estamos falando de 160 euros anuais por ter unha conta. Ese tamen vai ser o noso caballo de batalla.

«Se queren ser pioneiros, invistan, pero non nola metan dobrada no recibo da auga»

Un dos asuntos que preocupa aos representantes veciñais de Pontevedra é que vai acontecer coa xestión do lixo. «Estamos moi, moi pendentes. É moi fácil dicir que queremos ser pioneiros no tema do lixo, pero para iso, para ser cabeceira en Galicia tes que investir primeiro», advirte Loureiro. «O que non podes é meterllo enriba dos ombros á veciñanza». 

Por que lles preocupa?
Hai sitios que teñen como unha especie de código de barras que controlan o lixo que xeneras. Iso é caro. A min o que non me gusta é que pretendan colarnos outro sistema de cobro, do que non é o lixo. Por exemplo, a auga. Porque están intentado buscar unha alternativa sen custo, pero, cal? Mirar cantas persoas hai na casa e por consumo de auga cobrar o lixo? Non é o mesmo se tes catro persoas na casa que seis, ou dous rapaces que dúas persoas maiores. Existe unha discriminación moi grande entre a xente que vive no rural e no casco urbano. Hai lugares onde non hai traída, hai xente que ten pozo… Por iso, iso de que o consumo de auga ten que ir ao do lixo, todo no mesmo saco… Non, señor. Se queren ser pioneiros, invistan, pero non nola metan dobrada no recibo da auga. Aí si que nos van ter enfronte. Se alguén colabora con nós, nós colaboramos tamén. Hai que dialogar, pero tamén reclamar o que nos corresponde. Nalgún tema xa nos cansamos de boas palabras, como co destape do Gafos. Se se di que se van facer as cousas, que se fagan.

«Pedimos parking gratuíto e máis transporte público a Montecelo»

O pasado sábado recolleron firmas contra a privatización de Montecelo da man da Plataforma SOS Sanidade Pública.
Si. Aí non hai forma de chegar a un acordo. Segundo a Xunta, ese parking custa once millóns de euros, pero é que acaban de sacar un concurso que destina a Quirón once millóns en Pontevedra. Á parte aprobaron outro plan marco, que en tres anos son 20 millóns de euros e que son ampliables. Dicir que once millóns van hipotecar o futuro de toda a área sanitaria polo parking parécenos incongruente. A Xunta escolle o modelo de que quen usa, paga. Iso non é sanidade pública. A Sanidade é un dereito universal. E estamos metendo uns prezos privados para pagar eses once millóns en 20 anos. Parécenos unha loucura porque ao final é un parking ao aire libre cunha barreira de entrada e outra de saída. Os prezos que se usan son oito euros ao día. Ao final estamos discriminando á xente polos ingresos e estamos falando de que a xente vai a Montecelo por necesidade. O que nos parece máis burdo é que din que a primeira media hora é gratis e a segunda son 90 céntimos. A realidade é que a hora son 90 céntimos e o resto un euro ata un máximo de oito.   

O parking de balde non é a única reivindicación arredor de Montecelo.
Non. Precisamos máis transporte público para Montecelo. Aquí estamos representadas as cinco  plataformas das áreas sanitarias: Cerdedo-Cotobade, Pontevedra, Marín, Sanxenxo e O Salnés. A xente que vén desde Sanxenxo só ten un autobús ao día. O outro día nos chamaba unha señora que ten que ir en taxi desde Sanxenxo cando vai ao hospital. Daquela, non só pedimos aparcadoiros, senón tamén que se reforce o transporte público.

FONTE: DIARIO DE PONTEVEDRA. 10/02/2025.

GalegoEspañol