A COGAVE súmase ao Día Internacional de Concienciación sobre o Ruído 2026
Con motivo do Día Internacional de Concienciación sobre o Ruído, que se celebra hoxe 29 de abril, a Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro (COGAVE) quere facer pública a súa adhesión á campaña promovida pola Confederación Estatal de Asociacións Veciñais (CEAV) baixo o lema “O ruído enferma”, unha iniciativa para sensibilizar á cidadanía sobre un problema que afecta directamente á saúde e á calidade de vida.
Desde a COGAVE entendemos que a contaminación acústica non é só unha molestia cotiá, senón un problema de saúde pública, con consecuencias sobre o descanso, o benestar emocional e mesmo sobre a saúde cardiovascular e cognitiva das persoas. Especialmente preocupante resulta a súa incidencia en nenos, persoas maiores e colectivos vulnerables.
O movemento veciñal leva anos advertindo dos efectos do exceso de ruído, e defendendo que o dereito ao descanso, á intimidade e a vivir nun entorno saudable tamén forman parte dos dereitos básicos da cidadanía.
Desde a COGAVE apoiamos as reivindicacións recollidas no manifesto aprobado pola CEAV, entre elas:
A necesidade de campañas de sensibilización e educación cidadá.
Un maior control por parte das administracións fronte á contaminación acústica.
Plans de inspección eficaces e medios suficientes para facer cumprir a normativa.
Máis transparencia e participación cidadá na xestión dos conflitos derivados do ruído.
A defensa de vilas e cidades máis habitables, respectuosas e saudables.
A contaminación acústica ten moitas expresións: tráfico, actividades molestas, abuso do ocio nocturno ou focos de ruído continuado que alteran a convivencia e deterioran a saúde. Por iso, insistimos en que combater o ruído é tamén defender a saúde pública e a calidade de vida.
Neste Día Internacional de Concienciación sobre o Ruído, a COGAVE fai un chamamento ás administracións e á cidadanía para seguir avanzando nunha maior conciencia social sobre esta problemática.
Porque o silencio tamén é un dereito.
#CEAVContraElRuido
Directiva da COGAVE Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro”