Select Page

UNIVERSIDADE DE A CORUÑA.

4/11/24 9:14

A entrega dos distintivos concedidos pola Confederación Galega de Asociacións Veciñais, Cogave, tivo lugar este domingo en Lugo.

A Coruña, 4 de novembro de 2024.- O proxecto de voluntariado no Materno-Infantil Teresa Herrera, levado a cabo por persoas voluntarias da Oficina de Cooperación e Voluntaridao da Universidade da Coruña, acaba de recibir, no Salón Regio do Círculo das Artes de Lugo, un dos XI Premios Cogave Crer no Movemento Veciñal, que promove a Confederación Galega de Asociacións Veciñais, Cogave.

Esta iniciativa, nada no ano 1999 en colaboración directa co Hospital, ten como obxectivo favorecer o respiro familiar e o acompañamento tanto dos menores como dos seus coidadores, a través de actividades lúdicas e de ocio que dinamicen a estadía hospitalaria, principalmente na área de lactantes (0-3 anos) e na de escolares (4-16 anos).

Metodoloxía do proxecto

Cada semana, o grupo de voluntariado acode ao centro os luns, martes e mércores, en horario de 16:30 a 18:30 horas. A metodoloxía deste proxecto é activa, dinámica e participativa, utilizando técnicas que espertan a motivación e provocan a participación activa dos menores. As actividades lúdicas son o eixo de actuación para o desenvolvemento integral dos menores, podendo modificarse dependendo do resultado das actividades, a idade e as patoloxías dos pacientes.

Iniciativas premiadas

Foron 11 iniciativas as que recolleron cadanseu premio o día 3, que consistiu nunha figura representativa da Cogave realizada en cerámica da Mariña Lucense, a Pomba da Liberdade, que simboliza o voo libre do movemento veciñal. Dez deles son a proposta individual das federacións de asociacións veciñais, e un deles é votado en xunta directiva da entidade polo conxunto das federacións.

Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro”

Cogave é A Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” integrada por sete federacións veciñais. Na provincia da Coruña, a Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana e a Federación de Asociacións Veciñais de Ferrol Roi Xordo; na provincia de Lugo, a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo Lucus Augusti; na provincia de Ourense, a Federación de Asociacións Veciñais de Ourense Limiar; na provincia de Pontevedra, a Federación de Asociacións Veciñais Castelao de Pontevedra, a Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao de Vigo e a Federación Veciñal O Facho de Cangas do Morrazo.

O obxectivo fundamental da Cogave é a defensa dos intereses veciñais, en especial os dos máis desfavorecidos (muller, infancia, familia, xuventude e minorías étnicas). Son fins da Confederación a promoción e creación de servizos sociais necesarios para a comunidade, a promoción cultural da mesma, a defensa dos intereses xerais da veciñanza, o desenvolvemento de valores de convivencia, a creación das vogalías de muller, infancia, familia e menores, xuventude, minorías étnicas e medio ambiente, tendentes á aparición de lazos sociais e solidariedade humana e á conservación do entorno.

FONTE: PÁXINA WEB DA UDC -UNIVERSIDADE DE A CORUIÑA-. 4/11/2024.

GalegoEspañol