Select Page

Información de interese sobre alugueiros: prórroga extraordinaria dos contratos ata 2027

A Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro (COGAVE) informa á cidadanía dunha novidade relevante en materia de vivenda, trasladada pola Confederación Estatal de Asociacións Veciñais (CEAV), relativa á protección das persoas inquilinas.

O Goberno de España aprobou recentemente un Real Decreto que permite a prórroga extraordinaria dos contratos de alugueiro de vivenda habitual por un período adicional de ata dous anos, sempre que o vencemento do contrato se produza antes do 31 de decembro de 2027.

Quen pode beneficiarse desta medida?

Poderán solicitala as persoas arrendatarias cuxos contratos rematen antes desa data, salvo nos seguintes casos:

• Que arrendador/a e inquilino/a asinen un novo contrato con novas condicións.

• Que a propiedade comunique a necesidade de ocupar a vivenda para uso propio ou de familiares en primeiro grao.

Importante: a prórroga non é automática

Para poder acollerse a esta medida, é imprescindible que a persoa inquilina a solicite expresamente á propiedade.

Modelos de solicitude dispoñibles

A CEAV elaborou tres modelos segundo cada situación:

1. Solicitude de prórroga en zonas de mercado tensionado.

2. Solicitude de prórroga en zonas non tensionadas.

3. Solicitude de limitación do incremento da renda.

Estas comunicacións deben remitirse á propiedade mediante correo certificado ou burofax, para que teñan validez legal.

Limitación da subida da renda

Ademais, o Real Decreto establece que a actualización anual da renda estará limitada, con carácter xeral, a un máximo do 2%, salvo acordo expreso entre as partes nos termos previstos pola normativa.

Advertencia importante

Este Real Decreto deberá ser validado no Congreso dos Deputados a finais de abril de 2026. Porén, as solicitudes presentadas antes desa votación terán plena validez legal, mesmo se posteriormente a norma non fose convalidada.

Desde a COGAVE

Animamos a todas as persoas inquilinas que poidan verse afectadas a informarse e exercer os seus dereitos, así como ás asociacións veciñais e federacións a difundir esta información entre a cidadanía.

???? Para máis información ou acceso aos modelos oficiais:

ceav.vivienda@gmail.com

A Directiva da COGAVE

Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía De Castro

GalegoEspañol