A COGAVE apoia a mobilización pola liberalización da AP-9
A Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro (COGAVE) quere expresar o seu apoio á manifestación convocada pola Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao de Vigo o vindeiro 20 de febreiro, que partirá ás 20:00 horas da Praza de España e rematará no cruce de Colón, onde se procederá á lectura dun manifesto.
Desde a COGAVE entendemos que a reivindicación da liberalización da autoestrada AP-9 responde a unha demanda histórica da sociedade galega. Durante máis de corenta anos, a cidadanía galega leva soportando peaxes nunha infraestrutura básica para a mobilidade e a actividade económica, mentres noutras partes do Estado existen vías equivalentes que son gratuítas, o que supón unha evidente desigualdade territorial.
A eliminación das peaxes contribuiría a mellorar a competitividade de Galicia, favorecendo o desenvolvemento económico e evitando a perda de empresas cara a territorios con mellores condicións de mobilidade, ademais de aliviar a carga económica diaria que soportan milleiros de persoas traballadoras e familias.
O movemento veciñal galego leva décadas defendendo infraestruturas xustas e equilibradas para o noso país. Por iso, a COGAVE anima á cidadanía a participar nesta mobilización cívica e reivindicativa en defensa dun trato igualitario para Galicia.
