Select Page

Pontevedra 03 de novembro 2024

Actualizado: 17:39

PontevedraViva

O galardón consistiu nunha figura de cerámica, denominada «Pomba da Liberdade» que simboliza «o necesario voo ceibe do movemento veciñal».

Fina Casalderrey e Afapo co premio COGAVE / Federación Castelao

Este domingo 3 de novembro entregáronse na cidade de Lugo os XI premios da Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro (COGAVE).

A proposta da pontevedresa Federación Castelao recibiron unha distinción a escritora Fina Casalderrey e a Asociación de familiares de enfermos de Alzhéimer e outras demencias da provincia de Pontevedra (Afapo).

O galardón consistiu nunha figura de cerámica, denominada «Pomba da Liberdade» que simboliza «o necesario voo ceibe do movemento veciñal».

Ademais de Fina Casalderrey e Afapo, neste acto celebrado no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo, entregáronse premios á Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Ferrol-Narón e ao delegado Episcopal de Cáritas Diocesana, Alfonso Gil Montalvo, a proposta da Federación de Asociacións Veciñais Roi Xordo de Ferrol.

A Federación provincial de Asociacións Veciñais Lucus Augusti de Lugo propuxo como premiados a: Alfonso Álvarez Riveiro, director do diario El Progreso, e Paula Alvarellos Fondo, alcaldesa do Concello de Lugo.

A proposta da Federación provincial de Asociacións Veciñais Limiar de Ourense: Xosé Luis Foxo Rivas, director e fundador da Real Banda de Gaitas de Ourense; e Xusto Calviño Cruz, escritor.

Por último, a Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área metropolitana premiou ao Proxecto de Voluntariado no Hospital Materno-Infantil Teresa Herrera (Universidade da Coruña) e ao Grupo Naturalista Hábitat, unha entidade sen ánimo de lucro.

Premio Cogave Crer no Movemento Veciñal Galicia 2024 foi para Natalia Prieto Viso, directora xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia.

FONTE: PONTEVEDRAVIVA. 3/11/2024.

GalegoEspañol