A COGAVE PARTICIPOU NA MANIFESTACIÓN DE VIGO POLA LIBERALIZACIÓN DA AP9
A Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro (COGAVE) estivo presente onte, a través dunha representación da súa directiva, na manifestación celebrada en Vigo en demanda da liberalización da AP-9.
A mobilización, convocada pola Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao, reuniu a centos de persoas que reclamaron o fin das peaxes nunha infraestrutura esencial para Galicia. A marcha transcorreu desde a Praza de España ata o Cruce de Colón, onde se deu lectura a un manifesto en defensa dun trato xusto para a nosa Comunidade.
Desde a COGAVE queremos subliñar que esta reivindicación non ten cor política. Trátase dunha demanda histórica e transversal da sociedade galega, compartida por veciños e veciñas, asociacións, colectivos sociais e tamén por diferentes formacións políticas. Algúns partidos estiveron presentes fisicamente na mobilización, mentres que outros manifestaron o seu apoio sen asistir, demostrando que existe un amplo consenso arredor desta cuestión.
A realidade é clara: Galicia leva máis de corenta anos soportando peaxes nunha vía básica para a mobilidade e o desenvolvemento económico, mentres noutras partes do Estado existen autoestradas equivalentes que son gratuítas. Esta situación supón unha evidente desigualdade territorial que debe ser corrixida.
A liberalización da AP-9 non é unha cuestión partidista, senón unha cuestión de xustiza, equilibrio territorial e defensa da economía das familias galegas e da competitividade das nosas empresas.
O movemento veciñal galego continuará defendendo infraestruturas xustas, equilibradas e en igualdade de condicións para Galicia, sempre desde a unidade e o consenso social.
