Ourense converterase este martes 18 de novembro de 2025 no epicentro da reflexión e do compromiso social contra a violencia machista, coa celebración das V Xornadas “Xuntos contra a Violencia de Xénero”, unha iniciativa impulsada pola Federación de Asociacións Veciñais de Ourense LIMIAR e pola Asociación Veciñal “Os Montes”.
O acto terá lugar ás 19.30 horas, no local veciñal de Os Montes, situado na Rúa Pena Trevinca.
A inauguración oficial contará coa presenza do presidente da COGAVE, que quere manifestar publicamente o firme respaldo do conxunto do movemento veciñal galego na loita contra a violencia de xénero, unha das maiores emerxencias sociais do noso tempo. Así mesmo, participará unha representación da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, entidade que fai posible este proxecto mediante o seu financiamento e apoio continuado.
Estas xornadas reunirán especialistas en Psicoloxía e Dereito, así como profesionais da UFAM e da área de Participación Cidadá da Comisaría Provincial, configurando un espazo de análise plural e rigoroso sobre a prevención, a intervención e a atención ás vítimas.
Trátase, en definitiva, dun encontro imprescindible para seguir avanzando con determinación por todo o camiño que aínda nos queda por percorrer na erradicación da violencia de xénero.
