A COGAVE estará presente no Encontro Estatal da CEAV en Xixón
A Confederación Estatal de Asociacións Veciñais (CEAV) celebrará os días sábado 15 e domingo 16 de novembro en Xixón un encontro baixo o lema “Vivenda e cidade: emerxencia habitacional”, no que se busca situar o dereito á vivenda no centro do debate público e promover o intercambio de experiencias entre entidades veciñais de todo o Estado para avanzar cara a solucións innovadoras e xustas.
A COGAVE participará neste encontro representando ao movemento veciñal galego, compartindo reflexións e propostas sobre un tema que afecta directamente á cohesión social dos nosos barrios e cidades.
Durante as xornadas, abordarase a necesidade dunha intervención pública decidida no mercado da vivenda, así como a creación dun parque público de alugueiro que garanta o acceso digno á vivenda. Tal e como sinalou o presidente da CEAV, Julio Molina, “non hai que ter medo a intervir no mercado da vivenda, porque xa está intervido polos grandes fondos e o gran capital; cómpre defendernos e apostar pola acción pública”.
O Palacio de Congresos de Xixón acollerá preto de cen delegadas e delegados de todo o país, que debaterán sobre cuestións fundamentais como o dereito á vivenda como eixo de cohesión urbana e social, o uso e deseño do espazo público, e o impacto das políticas urbanas na calidade de vida e na cohesión dos barrios.
A organización do encontro corre a cargo da CEAV por iniciativa de Cavastur, a confederación asturiana presidida por María José Cuervo, quen destacou que a crise da vivenda é xa unha emerxencia habitacional a nivel estatal, agravada por problemas estruturais como os baixos salarios, a existencia de vivendas baleiras, a especulación dos fondos voitre e o chamado “carné de luxo” que encarece o acceso á vivenda en moitas cidades.
Desde a COGAVE sumámonos a este espazo de debate e colaboración convencidos de que a defensa do dereito á vivenda é unha loita común e esencial para garantir cidades máis xustas, inclusivas e habitables.
