Select Page

Homenaxe de recoñecemento a Carmen Avendaño Otero

Compañeir@s:

Hoxe queremos compartir convosco unha rotunda emoción e gratitude pola homenaxe pública que celebramos na Casa Verde de Salcedo (Pontevedra), organizado pola Confederación Galega de Asociacións Veciñais (COGAVE). O acto tivo lugar onte 4 de outubro de 2025 e reuniu a representantes das administracións e ao movemento veciñal nun momento de recoñecemento que ficará na memoria.  

Entre as persoas asistentes estiveron —tal e como se recolle nos medios e na comunicación da organización— a Subdirectora Xeral de Divulgación da Memoria do Goberno de España (Almudena Cruz-Yábar); o Delegado do Goberno (Pedro Blanco); o Delegado Territorial da Xunta en Pontevedra (Agustín Reguera); o Director Xeral da Xunta (Jacobo Rey); o Vicepresidente da Deputación de Pontevedra (Rafa Domínguez); a Concelleira de Pontevedra (Má José Abilleira); o Presidente da CEAV (Julio Molina) e o presidente da COGAVE (Juan Manuel Loureiro), así como representantes e directivos das federacións veciñais —entre elas Coruña, Cangas, Ferrol, Vigo, Ourense e Pontevedra— e directivos da Fundación Érguete e das asociacións veciñais integradas na Federación de Veciños Castelao.  Presentou o acto Mª José Villamarin Santome.

No transcurso do acto escoitamos palabras, que foron recollidas na maioría dos medios de comunicación, que nos emocionaron e que sintetizan o valor histórico e humano da traxectoria de Carmen Avendaño. O Delegado do Goberno destacou que Carmen é “un exemplo de loita, dignidade e esperanza”, e puxo en valor o seu labor para romper silencios e tabúes e transformar comunidades mediante a cidadanía organizada. Estas palabras remataron de insuflar aínda máis emoción ao recoñecemento.  

Tamén interveu a Subdirectora Xeral de Divulgación da Memoria (Almudena Cruz-Yábar), que situou este recoñecemento no marco do “recordo vivo da loita que nos trouxo á democracia”, lembrando que a súa é unha historia que “brilla con luz propia” e que o esquecemento é incompatible cunha democracia saudábel. Foi un recordatorio claro da dimensión democrática e moral do traballo de Carmen.

Tamén interviñeron no acto o Director Xeral da Xunta de Galicia, o Vicepresidente da Deputación de Pontevedra, a Concelleira do Concello de Pontevedra e o Presidente da CEAV, completando así un panel institucional que amosou unidade, respecto e profunda sensibilidade diante da figura de Carmen Avendaño e do que ela representa para a sociedade galega.

Cada un deles deixou palabras cheas de humanidade e compromiso, recordando que a loita contra a droga non é só unha batalla sanitaria, senón sobre todo un combate social, moral e familiar, no que tantas vidas e tantas nais sufriron, pero tamén abriron camiños de esperanza. Falouse das familias rotas, dos barrios que aprenderon a unirse, da solidariedade veciñal que xurdiu en tempos de dor e do exemplo que Galicia ofreceu ao resto do Estado coa resposta cívica e comunitaria que liderou Carmen.

Como momento simbólico e cargado de afecto, entregáronse lembranzas e agasallos institucionais. No acto entregouse a Carmen unha figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao de cerámica de Sargadelos —que fixo entrega por parte da COGAVE, o seu presidente, Juan Manuel Loureiro-, o cal fixo un recoñecemento a Carmen e tamén o seu esposo e fillo, ademáis transmitiulle o agradecemento de todo o movemento veciñal. Queremos destacar aquí a emoción do simbolismo do agasallo, ligado tamén ao “Ano Castelao”.  

Este acto non só recoñeceu unha traxectoria, senón que tamén puxo en valor unha historia de coraxe colectiva: Carmen foi pioneira desde os anos 80 no movemento das nais que deron a cara polas súas fillas e fillos, decir tamén que Carmen foi  a primeira muller que presidiu unha asociación de veciños en Galicia (Lavadores, 1979), un fito que fala da súa dimensión pioneira no asociacionismo e na loita social. O recoñecemento de hoxe pon en evidencia que esa semente cambiou realidades e sigue a inspirar.  

Queremos, en nome da COGAVE e de tantas persoas que asistimos, expresar —con palabras sinceras e afectuosas— a admiración e o agradecemento máis alto a Carmen Avendaño: pioneira, loitadora incansable, muller de valentía e corazón colectivo. Foi e é referente para xeracións que apostaron por acoller, rehabilitar e dignificar ás persoas afectadas pola drogodependencia; é testemuña dunha política do coidado que transformou barrios e persoas.  

Un saúdo e grazas por compartir este momento conmovedor con nós.

Directiva da COGAVE

Processed with MOLDIV
GalegoEspañol