Select Page

Homenaxe a Dª Carmen Avendaño Otero

Pioneira na loita contra a droga, exemplo de valentía e compromiso social

O vindeiro 4 de outubro, ás 12:30 horas, o Centro Social de Salcedo (Casa Verde), en Pontevedra, acollerá un acto moi especial: a homenaxe de recoñecemento a Dª Carmen Avendaño Otero, muller loitadora, pioneira e referente indiscutible na loita contra a lacra da droga, que marcou a vida de milleiros de familias galegas.

Carmen Avendaño representa a voz das nais e dos veciños que, con coraxe e dignidade, fixeron fronte á dor e á inxustiza, converténdose nun símbolo da esperanza e da xustiza social. O seu legado é un camiño aberto ás novas xeracións, un recordatorio de que a unión, a tenacidade e a solidariedade poden cambiar a historia.

Neste acto tan sinalado, contaremos coa presenza da propia Carmen Avendaño, quen recibirá en vida o agarimo e recoñecemento de toda a sociedade galega polo seu incansable compromiso.

O evento, organizado pola COGAVE coa colaboración da Xunta de Galicia, contará coa asistencia de destacadas autoridades e representantes institucionais:

  • Subdirectora Xeral de Divulgación da Memoria do Goberno de España
  • Delegado do Goberno
  • Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra
  • Director Xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia
  • Directora Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia en Vigo
  • Alcalde de Pontevedra
  • Presidente da Deputación de Pontevedra
  • Representantes dos grupos políticos da Corporación Municipal de Pontevedra
  • Presidente da CEAV (Confederación Española de Asociaciones Vecinales)
  • Presidente da Federación Regional de Asociaciones Vecinales de Madrid (F.R.A.V.M.)
  • Presidente, Vicesecretaria e 2 Presidentes Autonómicos do Consello Confederal de CEAV
  • Consello da COGAVE
  • Representantes da Federación de Asociacións de Veciños Castelao de Pontevedra
  • Xunta directiva da Fundación Erguete-Integración

Este merecido recoñecemento supón un xesto de gratitude colectiva a unha muller que fixo historia en Galicia e en España, e que segue a ser un exemplo vivo de loita, coraxe e compromiso social.

23/07/2008 Carmen Avendaño entra no Pazo Baión, aquel día o Pazo deixou de ser símbolo da dor para converterse en patrimonio de todos.
O enfrentarse á droga foi apostar pola esperanza, pola xustiza social e pola liberdade da xuventude.
GalegoEspañol