Día Internacional das Persoas Maiores 2025
Tema oficial: “Empoderando a voz das persoas maiores para un futuro inclusivo”
Desde a COGAVE queremos celebrar hoxe, 1 de outubro, o Día das Persoas Maiores, unha data na que recoñecemos con agarimo, respecto e gratitude o papel fundamental que tedes na nosa comunidade.
As persoas maiores sodes memoria viva, sabedoría compartida e exemplo de compromiso. Grazas ás vosas experiencias, ensinanzas e esforzos fomos quen de construír o presente que hoxe desfrutamos, e é xusto e necesario que a vosa voz continúe sendo escoitada e valorada.
O lema deste ano, “Empoderando a voz das persoas maiores para un futuro inclusivo”, recórdanos que non hai sociedade xusta sen a participación activa de quen levades toda unha vida contribuíndo ao ben común. Na COGAVE queremos dicirvos que contades connosco: para apoiar as vosas necesidades, para defender os vosos dereitos e, sobre todo, para asegurar que as vosas opinións teñen o lugar que merecen.
Animámosvos a participar, a propoñer, a compartir o que pensades e sentides. A nosa asociación é tamén a vosa casa, un espazo onde o voso saber e a vosa voz son imprescindibles para seguir medrando xuntos nunha comunidade máis aberta, solidaria e inclusiva.
Co noso máis sincero recoñecemento e agarimo,
Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía De Castro”