A COGAVE lidera unha campaña galega contra as comisións bancarias abusivas e anuncia concentracións en toda Galicia
A Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro (COGAVE), a través da súa Xunta Directiva e das federacións que a integran, vén de aprobar unha campaña conxunta e coordinada para reclamar o fin das comisións bancarias abusivas que afectan cada vez máis á cidadanía galega, especialmente ás persoas maiores, pensionistas e colectivos en situación de vulnerabilidade.
Como parte da campaña, realizarase unha primeira concentración simbólica o 26 de setembro (Oficina Abanca na Avda. Augusto García Sánchez, Esq. San José), coincidindo coa próxima asemblea da COGAVE. Esta acción marcará o inicio dunha serie de mobilizacións que terán lugar nas principais cidades galegas, fronte a entidades bancarias, para esixir a eliminación de taxas innecesarias, a mellora da atención presencial e a defensa dos dereitos das persoas usuarias do sistema financeiro.
A campaña incluirá tamén:
• Envío de escritos oficiais ao Banco de España, Defensor do Pobo, Xunta de Galicia e Goberno central.
• Reunións con representantes institucionais.
• Difusión pública de casos reais de abusos bancarios.
• Colaboración con outras organizacións sociais.
Segundo afirmou o presidente da COGAVE, Juan Manuel Loureiro, “non imos calar fronte a este saqueo silencioso que as entidades bancarias están a facer da veciñanza galega. É hora de dicir basta e de actuar unidos”.
ACOMPÁÑANOS!!!